Eixe
nº1
Tradución e interpretación na era dixital
Coordinación:
José Yuste Frías
Son moitas as profesións e industrias nas que o desenvolvemento das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial provocaron un enorme cambio nas tarefas automatizables. O exercicio profesional da tradución e a interpretación é unha desas actividades dixitalizadas: hoxe en día proliferan novas formas de traballar en pantalla que, aparentemente, parecen outorgar maior flexibilidade, colaboración e eficacia ante calquera encargo real de tradución e interpretación.
Dende o seo do Grupo de Investigación Tradución & Paratradución (T&P) da Universidade de Vigo, organizamos este Congreso Paratradit-2024_UVigo_T&P esperando recibir propostas de reflexión e resultados prácticos sobre como capitalizar de forma positiva a devandita (r)evolución dixital tanto na docencia universitaria como no exercicio profesional da tradución e a interpretación, procurando non apartar a mirada posta en tres obxectivos:
- Aumentar os potenciais beneficios que aportan as tecnoloxías lingüísticas e a intelixencia artificial tanto na formación universitaria como no exercicio profesional da tradución e a interpretación
- Identificar os posibles límites das novas tecnoloxías á hora de Traducir e Interpretar en Medio Social (TIMS). Os eidos de sanidade, educación e xustiza do servicio público necesitan, hoxe máis que nunca, a calor humana da presenza (física ou virtual?) de quen traduce e interpreta tanto á persoa que prové o servizo público como a persoa migrante alófona que recorre a el. As pantallas reforzan ou entorpecen o labor de quen exerce de forma profesional a TIMS?
- Advertir dos riscos reais que, para a formación de quen aspira a ser profesional da tradución e a interpretación, entraña o uso exclusivo das pantallas
Todo iso co fin primordial de describir a mutación conceptual do que significa traducir e interpretar no século XXI. A continuación, presentamos un breve listado dos posibles temas que nos gustaría tratar neste primeiro eixo do Congreso. Atención!: o seguinte listado é, simplemente, orientativo e estamos abertos a outras propostas orixinais que puidesen tratar calquera aspecto de Tradución e interpretación na era dixital:
- «Novas» tecnoloxías e modelos didácticos adaptados á formación universitaria en tradución e interpretación
- Recursos tecnolóxicos en Internet
- Recursos lingüísticos en Internet: os exemplos dos recursos lingüísticos do Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo aplicados á tradución
- TA (Tradución Automática): o exemplo da plataforma libre Apertium para a tradución automática entre 32 linguas
- TAO (Tradución Asistida por Ordenador) e ferramentas de control de calidade nos procesos de tradución
- Memorias de tradución e memoria do/a tradutor/a
- Ferramentas de revisión e corrección
- Ferramentas de posedición
- Ferramentas de autoedición
- Ferramentas de garantía de calidade
- Ferramentas de localización
- Ferramentas para a Tradución e Interpretación no Medio Social (TIMS)
- Procesamento de textos (macros, comandos, trucos e atallos varios)
- Sistemas de autoría
- Xestión documental e terminolóxica
- Xestión de proxectos de tradución
- Xestión dixital dos servizos de interpretación
- Interpretación a distancia: Interpretación Simultánea Remota (ISR) e concabino dixital
- Recoñecemento vocal para a transcrición de textos: da voz ao texto
- Subtitulado en directo: teclado estándar (QWERTY-AZERTY); teclado VELOTYPE; estenotipia; refalado
- Aplicacións móbiles