Exposición itinerante «O videoxogo en galego»

Creatividade, tecnoloxía e lingua ao servizo da cultura dixital

A Universidade de Vigo impulsa O Videoxogo en galego, unha exposición itinerante pioneira que percorre diferentes institutos de ensino secundario da provincia de Pontevedra co obxectivo de dar visibilidade aos videoxogos desenvolvidos ou traducidos ao galego e poñer en valor a creatividade, a tecnoloxía e a identidade lingüística neste ámbito en constante expansión.

Promovida polo Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV), o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), o Grupo de Investigación TI4 Tradución & Paratradución (T&P) e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, esta iniciativa pretende promover o coñecemento das creacións en galego, recoñecer o traballo de creadoras, creadores e tradutoras, fomentar unha reflexión crítica sobre o papel da lingua na industria do videoxogo e contribuír á dinamización cultural e lingüística.

A mostra, comisariada polos investigadores Óscar Ferreiro Vázquez, Ramón Méndez González e José Yuste Frías, combina pezas expositivas físicas e dixitais, materiais informativos e un catálogo divulgativo interactivo dispoñible a través dun código QR. Ademais, inclúe obradoiros, charlas e unha narrativa interactiva creada con Twine, deseñada para traballar aspectos culturais e lingüísticos de forma lúdica e creativa. A iniciativa contou coa inestimable colaboración dun grupo de antigos estudantes da Universidade de Vigo, cinco dos cales forman parte na actualidade do programa de doutoramento en Tradución & Paratradución: Lois Denís Agrelo Arxóns, Ana Doval Fernández, María Herrero Prado, Paula Regueiro Fajín, Leticia Robles Soneira e Elena Valle García.

Dirixida ao alumnado de secundaria e bacharelato, á comunidade educativa, ás familias, ás persoas afeccionadas aos videoxogos e a colectivos culturais e tecnolóxicos, O Videoxogo en galego quere ser un espazo participativo de encontro entre universidade e sociedade, no que se reflexione sobre a presenza do galego nos medios dixitais e se impulse a súa normalización neste sector estratéxico.

O proxecto conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra e co apoio institucional da Universidade de Vigo. A súa itinerancia arranca o 29 de outubro no IES Politécnico de Vigo e continuará por diferentes centros da provincia, ampliando así o seu alcance e impacto social.

Impacto da actividade organizada polo tridente T&P-MTCI-ETIV e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo co patrocinio da Deputación de Pontevedra
  • DUVI_01/101/2025_A mostra ‘O videoxogo en galego’ percorrerá os institutos amosando a importancia deste sector para a dinamización cultural e lingüística_Busca dar visibilidade á creación e tradución nesta lingua na industria do entretemento dixital