Bolsas de formación do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación e Humanidades
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación e Humanidades convoca nove bolsas de formación en proxectos de investigación, oito delas dirixidas a titulados en filoloxía ou en tradución e interpretación. As bases están publicadas no DOG do 18 de xuño e o prazo para concorrer é dun mes desde o día seguinte á publicación, é dicir, até o 18 de xullo.
Obxecto das bolsas
Contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
Contía das bolsas
O importe total é de 213.840 euros. A contía de cada unha das nove bolsas, por todos os conceptos, será de 990 euros ao mes (11.880 € anuais), incluídos os custos da Seguridade Social, en aplicación do previsto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, e quedan asimilados a traballado res por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social.
Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A cantidade percibida estará en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.
Proxectos de investigación
Os nove proxectos de investigación concretos nos cales se poderán formar os correspondentes bolseiros son os seguintes: Legado científico de Jürgen Untermann; Corpus de referencia do galego actual (Corga); Corpus documentale latinum Gallaeciae (Codolga); Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega); Terminoloxía científico-técnica; Informes de literatura; Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos; Lírica profana galego-portuguesa; Dimensións da identidade colectiva de Galicia.
Máis información: DOG.