Acceso ás guías docentes en galego
Acceso ás guías docentes en castelán
(Prof. Alberto Álvarez Lugrís)
Esta materia centrarase nunha das metodoloxías empíricas de estudo da tradución e da interpretación que máis se está a desenvolver na actualidade: o uso de corpus textuais de traducións e orixinais para rastrexar, identificar, describir e clasificar distintos fenómenos de tradución, é dicir, a Lingüística de corpus.
A Lingüística de corpus, máis que unha disciplina de seu (ou unha subdisciplina da Lingüística xeral) é unha metodoloxía empírica de investigación para o estudo da lingua (e das diferentes actividades sociais relacionadas con ela) por medio da análise computerizada de grandes coleccións de textos. Como ferramenta metodolóxica de traballo, está en relación transversal coas diversas subdisciplinas da Lingüística xeral e con outras varias disciplinas autónomas, nomeadamente cos Estudos sobre tradución e paratradución. Deste xeito, a Lingüística de corpus pode achegarlles datos cuantitativos e cualitativos a disciplinas como a Lexicografía, Gramática, Semántica, Pragmática, Sociolingüística, Estilística interna, Ensino de linguas, Lingüística histórica, Dialectoloxía, Psicolingüística, Estudos culturais, Psicoloxía social, Análise do discurso e a tódalas disciplinas relacionadas coas Tecnoloxías da linguaxe e coas TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación).
Malia estaren intimamente relacionadas e existir entrámbalas dúas unha relación dinámica, non debemos confundir a Lingüística de corpus (unha metodoloxía de traballo) coa Lingüística computacional (unha subdisciplina autónoma da Lingüística xeral). Podemos definir a Lingüística computacional como un eido científico interdisciplinario vinculado á lingüística e á informática e encamiñado a incorporar nos ordenadores a habilidade no manexo da linguaxe natural humana e a facilita-lo tratamento informatizado das linguas e do seu estudo.
Malia centrarse o contido desta materia en análises de tradución escrita, e concretamente en cuestións relacionadas coa Estilística Comparada, a metodoloxía é aplicable ó estudo doutro tipo de fenómenos, tanto de tradución como de interpretación.