Ficha de la defensa de la tesis doctoral
Título de la tesis doctoral: Análise das convencións da subtitulación no corpus Veiga de textos audiovisuais inglés-galego
Doctoranda: Patricia Sotelo Dios
Director: Dr. D. Alberto Álvarez Lugrís, Universidade de Vigo (UVigo)
Hora: 11.00 h
Fecha: 14/01/2026
Lugar de la lectura y defensa: el acto público de la lectura y defensa se desarrollará de forma semipresencial en el Salón de Grados (aula B3) de la Facultade de Filoloxía e Tradución de la Universidade de Vigo.
Datos de acceso remoto al acto público: Sala virtual 1-https://campusremotouvigo.gal/access/public/meeting/997907283_Clave de acceso para las personas asistentes-nnHjGG52
Bionota de la doctoranda
Patricia Sotelo Dios é profesora asociada no Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, onde imparte docencia no Grao en Tradución e Interpretación e no Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI).
Traballa como tradutora, revisora e correctora autónoma.
Licenciouse en Filoloxía Inglesa e en Tradución e Interpretación e obtivo un Mestrado en Edición e un Master of Arts in Foreign and Second Language Education.
Anteriormente traballou como profesora de español na University of Iowa e como tradutora, revisora, correctora e xestora de proxectos en Interlingua Traduccións, SL.
Tamén estivo contratada como investigadora no Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo e no Centro de Estudos Humanísticos (CEHUM) da Universidade do Minho.
É membro da Asociación Galega Profesional de Tradutores e Intérpretes (AGPTI) e da Asociación de Traducción y Adaptación Audiovisual (ATRAE).
Os seus intereses de investigación céntranse nos estudos de tradución baseados en corpus e na tradución audiovisual, sobre todo na construción e na explotación de corpus paralelos multimedia.
Composición del tribunal
Presidenta: Dra. D.ª Rosa Agost Canós, Universitat Jaume I (UJI)
Secretario: Dr. D. Xoán Montero Domínguez, Universidade de Vigo (UVigo)
Vocal: Dra. D.ª Catalina Jiménez Hurtado, Universidad de Granada (UGR)
Resumen de la tesis doctoral
Nesta tese de doutoramento preséntase unha análise das convencións da subtitulación no corpus Veiga de textos audiovisuais inglés-galego. A investigación enmárcase no ámbito dos estudos descritivos de tradución audiovisual baseados en corpus (EDTAVBC) e trata de ofrecer unha achega ao coñecemento de dúas prácticas pouco exploradas ata o de agora como son a creación de subtítulos intralingüísticos en inglés para DVD e Blu-ray, que adoitan servir como arquivos modelo (templates) para a tradución a outros idiomas e que poden cumprir unha función didáctica, e a tradución de subtítulos do inglés cara ao galego.
Para levar a cabo a análise, construíuse un corpus multimedia conformado por 61 filmes en inglés subtitulados en inglés e en galego, que presenta un aliñamento a nivel de oración e está anotado con información tanto estrutural como multimodal. Esta anotación permite observar de forma sistemática os aspectos da subtitulación que se queren investigar, tendo en conta a natureza multisemiótica dos textos audiovisuais. A partir de datos empíricos, na análise descríbense cuantitativa e cualitativamente aspectos temporais e formais, ortotipográficos e lingüístico-textuais da subtitulación e compáranse co recollido en diversas obras de carácter xenérico e noutras publicacións máis específicas dedicadas a esta modalidade de tradución audiovisual. A observación non se limitou ao corpus textual dos subtítulos, senón que se estendeu aos textos orixinais audiovisuais (os filmes) e á interacción de códigos que operan neles. Segundo os datos observados, os subtítulos dos dous idiomas cumpren en gran medida coas convencións. Entre os achados esperados, observouse que os subtítulos en inglés presentan velocidades de lectura superiores aos de galego e trasladan máis literalmente a información transmitida no filme, probablemente porque o seu público potencial está máis familiarizado co idioma.
Como achados inesperados, os datos apuntan a que os subtítulos en inglés do Veiga non se empregaron como templates para elaborar os subtítulos traducidos ao galego, unha práctica moi habitual a partir da chegada dos DVD. Ademais, observouse a aplicación de criterios variados á hora de subtitular as cancións e mais as intervencións en idiomas distintos do orixinal, polo que quizais estes aspectos non adoitan responder a convencións xerais senón a normas internas de cada empresa. E tampouco se esperaba observar determinados usos das comiñas, como o de enmarcar nomes propios, nin que se empregasen maioritariamente en lugar da cursiva para marcar títulos de obras; a cursiva, pola contra, resérvase para marcar voces en off. Por último, como observación non concluínte, pero que podería ser obxecto de investigación á luz dos datos observados, semella que os filmes do xénero documental presentan unha maior densidade informativa, quizais polo ritmo narrativo e polo carácter especializado dos contidos.
Por suposto, cumpriría investigar máis polo miúdo cada aspecto e podería ampliarse o corpus a máis filmes e medios de emisión, pero consideramos que este traballo abre unha minúscula xanela a prácticas de subtitulación menos investigadas como as que se abordan nesta tese. Non cabe dúbida de que o consumo de produtos audiovisuais subtitulados está aumentando e diversificándose cada vez máis, o que implica que se van seguir precisando estudos que analicen as novas prácticas. A lingüística de corpus ofrece ferramentas prometedoras que facilitan a análise multimodal en textos audiovisuais, algunhas das cales se empregaron nesta investigación.
Palabras clave: subtitulación, corpus multimedia, tradución audiovisual, lingüística de corpus, multimodalidade




