A gramática do francés cunha ollada inclusiva
Emilio Neira, docente natural de Rianxo e na actualidade en Suíza, empezou a pensar nun método para a aprendizaxe de linguas que fose inclusivo, que atendese a todo o alumnado, sen distincións. Era moi frustrante para Neira non poder dar resposta na aula a todos e a todas como precisaban.
Así foi creando ‘Sintaxe’, un método inclusivo de aprendizaxe da gramática francesa (adaptable a outras linguas romances) para nenos e nenas de 6 a 11 anos. “Fixeime no Fortnite, en como este xogo captaba a atención de toda a rapazada, independentemente das capacidades de cada un”, esa foi unha das ideas base. Para desenvolver este método Emilio formou un equipo de profesionais galegos: Xiro Montero Outeiral e David Cuence, artistas gráficos, e Roberto Rama na parte dixital (aplicación web).
Pezas
O método consiste na manipulación de pezas nas que se representan as distintas clases gramaticais (son 33 pezas para traballar as 9 categorías gramaticais: nome común, adxectivo, verbo…). Segundo fontes do equipo de Sintaxe: “o alumnado é protagonista da súa propia aprendizaxe, isto fai que non memorice os saberes sen comprendelos”.
Inclusión
“A filosofía pedagóxica tanto teórica como práctica de ‘Sintaxe’ fundaméntase nos postulados da metacognición, da ferramenta mediadora Vygotski e nas catro etapas de Leong e Bodrova: contacto, acompañamento, reflexión e autonomía cognitiva, para deste xeito desenvolver unha aprendizaxe significativa do alumnado con e sen necesidades específicas”, engaden.
Emilio desenvolveu este traballo en Suíza, no cantón helvético de Vaud, onde imparte clase no centro de Sainte-Croix. Tamén alí cursou o mestrado profesional de Educación Especial, que compaxinou coa docencia. “Creo que todo docente debería ter formación en Educación Especial”, apunta Neira.
Resultados
Os primeiros resultados deste método son positivos. “Nas probas anuais do cantón de Vaud, o centro de Sainte-Croix experimentou unha excelente mellora con ‘Sintaxe’. En ‘funcionamento da lingua oral e escrita’ o centro estaba por debaixo da media do cantón nos anos 2015 e 2016 e consegue igualala en tan só un curso, no 2017, e superala nos anos seguintes”, expresa o equipo. Esta foi unha das ideas presentadas neste congreso.