Avaliación anual dos Plans de investigación
O vindeiro mércores 12 de xullo celebrarase a sesión de avaliación anual dos plans de investigación do alumnado do Programa de doutoramento en Tradución e paratradución.
Segundo indica a normativa, cada alumno disporá de 15 minutos para expoñer o estado actual das súas investigacións, seguidos dun máximo de 15 minutos de debate co tribunal. Na sesión de defensa deberá entregarlle ao tribunal un informe sobre o estado actual do desenvolvemento do seu Plano de investigación e o Documento de actividades. O director ou directora de tese deberá remitirlle ao secretrio da Comisión académica un informe sobre cada un dos documentos anteriores antes do 5 de xullo.
O informe sobre o Plano de investigación que debe presentar o alumno pode ser o mesmo que expoña oralmente e terá a seguinte estrutura:
1. Análise do Documento de Actividades, en concreto as competencias adquiridas nos seminarios de formación transversal e específica, así como noutras actividades consignadas (máximo 600 palabras).
2. Resumo dos resultados máis relevantes e cumprimento dos obxectivos presentados no Plano de investigación. Exposición das dificultades atopadas (máximo 600 palabras).
3. De ser o caso, cambios nos obxectivos e accións previstas para os anos sucesivos (máximo 600 palabras).
4. Expresión da satisfacción co labor de tutela do director ou directores de tese. En caso negativo, explicar as razóns (máximo 600 palabras).
5. De ser o caso, anticipación motivada da necesidade de pedir unha prórroga ao remate do terceiro ano (máximo 600 palabras).
O Documento de actividades poderase xerar a partir do formulario en liña que se atopa na Secretaría virtual dos alumnos.
Os informes dos directores servirán para avalar a exposición dos alumnos e os documentos que acheguen.
Se precisas máis información, contacta co secretario do programa de doutoramento:
alugris@uvigo.es.
.