Presentación

[castellano] [english]

O Doutoramento T&P investiga como ao longo da historia, a tradución e a interpretación foron prácticas fundamentais na construción de calquera cultura e na súa capacidade de cambio. As culturas son o resultado dunha constante negociación de textos traducidos, tanto lingüísticos como icónicos ou símbólicos. As persoas que traducen son axentes de mediación cultural con capacidade de transformación social e política na administración dos Servizos públicos. Na inmensa maioría dos casos, vivimos realidades mestizas, lemos linguas traducidas, vemos imaxes adaptadas e consumimos produtos localizados que constituíron encargas de tradución e interpretación.

O Doutoramento en Tradución & Paratradución (T&P) é o único Programa de doutoramento en tradución e interpretación de toda a eurorrexión Galicia-Portugal. No acordo do Consello de Ministros publicado no BOE do 11 de marzo de 2014 polo que se establece o carácter oficial de determinados títulos de Doutor e a súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos, o título de doutor en Tradución & Paratradución (T&P) aparece acreditado oficialmente xa que o programa de doutoramento T&P é citado como un Doutoramento oficial en tradución do Estado español ao cumprir con todos os requisitos de calidade e esixencia regulados por lexislación vixente.

Trátase dun posgrao de investigación representativo do Espazo Europeo de Educación Superior que responde á demanda de formación de posgrao por parte do alumnado da titulación do grao en Tradución e interpretación, cubrindo a necesidade de ofrecer unha formación adicional para mellorar as perspectivas propias da carreira profesional. Neste sentido, ofrecemos un conxunto equilibrado de contidos teóricos e prácticos con vistas tanto á investigación como á preparación dos/das profesionais da tradución e a interpretación.

O Doutoramento T&P ofrece o modelo máis flexible de semipresencialidade, xa que se pode cursar completamente a distancia ou ben asistir ás sesións presenciais realizando auténticas prácticas de campo en Ciencias humanas e sociais.

O Doutoramento T&P é un programa de doutoramento que responde á transformación teórica e metodolóxica que viviu a área científica de Tradución e interpretación na última década, ofrecendo contidos teóricos procedentes das distintas fases de descrición, estudo e análise das actuais realidades socioprofesionais de era dixital. O cal garante, desde o principio, a continuidade entre teoría e práctica.

Non é un posgrao teórico que se interese accesoriamente pola vida real, senón que é un Doutoramento teórico-práctico dirixido á investigación doutoral a partir das prácticas profesionais e cotiás que nos rodean. Cada un dos bloques das liñas de investigación ten a capacidade de descompoñerse en seminariosT&P especializados fundamentados no seu correspondente aparello científico e orientación aplicada.

O Doutoramento T&P ofrece modelos e protocolos de punteiras prácticas profesionais a través de convenios cos sectores profesional, empresarial e institucional que colaboran nos proxectos I+D+i do Grupo de Investigación T&P. Procúrase responder ás necesidades existentes nos ámbitos das tecnoloxías da información, do turismo, da publicidade, das industrias da cultura, e, por suposto, da divulgación científica do coñecemento. Como exemplo sirvan os tres programas Web-TV de divulgación científica dedicados ao mundo da tradución e interpretación: Zig-Zag, Exit e Píldoras T&P. Programas TV en liña do Grupo de Investigación T&P que pretenden apoiar tanto a formación e valorizar a investigación básica, o desenvolvemento e a innovación, como a propia transferencia produtiva do coñecemento.

Creado durante o curso académico 2004-2005 o Doutoramento T&P foi o primeiro Programa de doutoramento internacional en rede dentro da Universidade de Vigo e obtivo durante o curso 2008-2009 a «mención de calidade» do Ministerio de Ciencia e Innovación e, tralo informe favorable da ACSUG, recibiu no curso 2013-2014, a Notificación de Verificación do Consello de Universidades do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para unha nova andadura do novo programa de doutoramento consonte a actual normativa do Real Decreto 99/2011, de 28 de xaneiro, polo que se regulan os ensinos oficiais de Doutoramento.

 

O programa de doutoramento T&P en cifras

  • No curso 2019-20 matriculáronse 10 persoas de novo ingreso. O programa ten un total de 48 alumnas e alumnos en activo.
  • No curso 2019-20 temos un total de 15 alumnas e alumnos estranxeiros, un 33,3% do total.
  • Un total de 19 persoas proceden de estudos de mestrado cursados noutras universidades, o 39,6%.
  • No curso 2019-20 temos 24 doutorandas e doutorandos matriculados a tempo parcial, o 50%.
  • O 28% das nosas doutorandas e doutorandos (13 persoas) fixeron un total de 19 estadías de investigación noutras institucións de ensino superior:
  • Dentro do programa defendéronse 4 teses de doutoramento, unha en dedicación a tempo parcial e tres a tempo completo. Ademais, defendéronse outras 18 teses no programa de doutoramento anterior.
  • Todas as teses defendidas no programa obtiveron a cualificación «cum laude». Dúas delas obtiveron ademais a mención internacional.
  • A duración media do programa a tempo completo é de tres anos e medio; a tempo parcial, cinco anos e dous meses.
  • A taxa de emprego entre as persoas egresadas do programa é actualmente do 100%. A taxa de adecuación do posto de traballo aos estudos é tamén do 100%.
  • Dende que o programa botou a andar no curso 2013-14 matriculáronse 80 persoas, 28 das cales causaron baixa definitiva por diferentes motivos; é dicir, a taxa de abandono é do 35%.
  • Temos 15 membros do profesorado con sexenios, 32 tramos en total, dos cales catro teñen sexenios vivos.
  • Nas enquisas de satisfacción, o alumnado sempre lle outorga ao programa moi boa puntuación (sobre 5). Curso 2015-16: 3; curso 2016-17: 3,43; curso 2017-18: 3,13; curso *2018-19: 3,9; curso *2019-20: 4,02. [*Para estes dous cursos non hai datos desagregados, son os totais dos programas de doutoramento da Uvigo].
  • Os datos das enquisas de satisfacción das directoras e directores de tese son igualmente positivos: 3,64 para o período de 2013-14 a 2017-18 e 3,96 para o período de 2018-19 a 2019-20.