[castelán] [english]

1. Canto custan os estudos de doutoramento?

Os prezos dos estudos de doutoramento fíxaos anualmente a Xunta de Galicia mediante un decreto publicado no DOGA. O decreto 80/2016 de 23 de xuño fixa os prezos vixentes no presente curso académico 2016-17.

2. Como xustifico a miña titulación académica de acceso aos estudos de doutoramento?

Para acceder aos estudos de doutoramento precísase ter superados 300 créditos de formación universitaria oficial. Estes 300 créditos poden corresponder ben a un Grao oficial máis un mestrado oficial ou ben a unha das antigas Licenciaturas. No momento de realizar a preinscrición haberá que subir ao formulario en liña unha copia escaneada dos títulos e certificacións académicas correspondentes. As persoas que cursasen parte ou a totalidade dos seus estudos no estranxeiro deberán achegar a documentación precisa para demostrar que superaron os 300 créditos requeridos: certificación académica na que conste o número de créditos ou horas de docencia total ou de cada unha das materias cursadas e superadas ou o plano de estudos oficial no que figure esa mesma informacion. Estas persoas, ademáis, deberán solicitar, despois de realizar a matrícula, o recoñecemento dos estudos realizados no estranxeiro.

Rematado o proceso de matrícula, todos os alumnos deberán presentar na secretaría da facultade copia en papel validada da documentación indicada no parágrafo anterior.

3. Como se me asigna dirección e/ou titoría?

A titora ou titor ten como función asesorarte nos procesos administrativos do doutoramento. Cando te matriculas asígnaseche unha titoría provisional, que adoita ser a persoa que ocupa a secretaría do programa de doutoramento. Cando se che asigna oficialmente un director ou directora de tese esta persoa será designada tamén titora.

A dirección de tese asígnase atendendo ás preferencias do alumnado e á dispoñibilidade do profesorado do programa. Suxerimos que te poñas en contacto co noso profesorado, mesmo antes de que realices a preinscrición, para que coñezas as súas liñas de investigación e a súa dispoñibilidade. O prazo para asignar dirección é de tres meses a partir da data de matrícula, pero procuramos sempre non esgotalo, para que poidas comezar a traballar na túa investigación canto antes.

4. Como elaboro o meu Plan de investigación? Como se avalía?

O Plan de investigación é o documento no que indicas cal é o teu tema de traballo para a elaboración da tese. Debes cubrir os datos correspondentes (título, liñas de investigación, obxectivos, metodoloxía, planificación, bibliografía e outros recursos) na túa secretaría virtual. Para redactar e presentar o Plan de investigación debes de seguir as instrucións e recomendacións da túa directora ou director. O prazo para presentalo é de 6 meses a partir da data de matrícula.

A partir do segundo ano terás que pasar o proceso de Avaliación anual do Plan de investigación. Nesta avaliación presentarás ante un tribunal composto por doutoras e doutores do programa a situación da túa investigación: desenvolvemento, cumprimento de obxectivos, planificación para o curso seguinte. En caso de non superar a avaliación, terás unha segunda oportunidade no prazo de seis meses; non superar esta segunda oportunidade supón a baixa automática no programa.

5. Canto duran os estudos de doutoramento?

Os estudos de doutoramento teñen unha duración prevista de 3 anos a tempo completo e 5 a tempo parcial. Está prevista a posibilidade de pedir ata dúas prórrogas dun ano cada unha, co que a duración pódese estender ata os 5 anos a tempo completo e ata os 7 a tempo parcial. Se pasado o prazo previsto non se depositou a tese para a súa defensa, causarase baixa automática no programa.

6. Que recursos de aprendizaxe ofrece a Universidade de Vigo para o doutoramento?

Para o desenvolvemento das actividades do Programa de doutoramento en Tradución e paratradución a Universidade de Vigo, e en concreto a Facultade de Filoloxía e Tradución, ofrece os seguintes recursos:

-aulas dotadas de medios técnicos (ordenador, canón, pantalla), aulas específicas para a teledocencia, aulas de videoconferencia, laboratorios de docencia, salas de ordenadores de docencia.
-salas de ordenadores para alumnado
-Biblioteca da Facultade e Biblioteca central, con salas de traballo
-servizo de reprografía e de impresión en liña
-plataforma de Teledocencia Moovi con Moodle
Campus Remoto, cunha copia virtual de todas as aulas físicas e despachos da universidade. As aulas virtuais permiten a docencia totalmente virtual e a gravación das clases.

7. Cales son as saídas laborais deste programa de doutoramento?

En primeiro lugar, as competencias adquiridas no Programa de doutoramento en Tradución e paratradución adecúanse ao nivel 4 do MECES (Marco Español de Cualificaciones para la Educación Superior), publicado no Real Decreto 1027/2011, de 15 de xullo e ao Real Decreto 196/2016, de 13 de maio que establece os requisitos para a expedición do Suplemento Europeo ao Título de Doutoramento. O programa de doutoramento garante deste xeito que as persoas egresadas poidan solicitar o certificado de correspondencia para desenvolver investigacións en centros do EEES (Espazo Europeo de Educación Superior). As persoas egresadas poden, polo tanto, optar a desenvolver a carreira docente en calquera universidade europea.

Ademais da docencia e a investigación en institucións de ensino superior, as nosas egresadas e egresados están desenvolvendo a súa actividade profesional en ensino secundario e escola de idiomas e no mercado libre. Na actualidade, o 100% das persoas egresadas e a práctica totalidade do alumnado atópase traballando.

 

Xornada de acollida a estudantes de doutoramento, Extensión universitaria.

A UVigo dálles a benvida aos 1350 estudantes matriculados nesta etapa.