Son doutora en Tradución con mención internacional pola Universidade de Vigo. Actualmente, compatibilizo a miña actividade como tradutora (traducion.gal) e editora (Catro Ventos Editora, S. Coop. Galega) coa de profesora asociada na área de tradución do alemán na Universidade de Vigo. Entre as miñas especialidades, están a tradución técnica e publicitaria, e a tradución editorial e literaria (entre outros, traducín ao galego textos de Stefan Zweig, Albert Einstein, Rachel Carson e George Steiner). Após licenciarme en 1998 en Tradución e Interpretación na UVigo (3.ª promoción) coa combinación lingüística inglés-alemán-galego, traballei na empresa privada en Hamburgo e Barcelona, e establecinme por conta propia en 2005. Durante varios anos investiguei en fraseoloxía galega no proxecto Dicionario de Fraseoloxía Galega dirixido por Xesús Ferro Ruibal no Instituto Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e posteriormente en fraseoloxía contrastiva alemán-español-galego dentro do equipo Frasespal ligado á USC. Un dos logros máis salientables deste proxecto foi a publicación en 2013 de Idiomatik Deutsch-Spanisch na editora de Hamburgo Buske Verlag, un dicionario fraseolóxico que contén máis de 35 000 entradas alemás coas súas correspondencias en castelán. En 2015, baixo a dirección das profesoras Silvia Montero Küpper (UVigo) e Carmen Mellado Blanco (USC), defendín na Universidade de Vigo a tese de doutoramento A tradución da fraseoloxía no xénero textual manual de instrucións na combinación lingüística alemán-español, cualificada con sobresaliente cum laude e coa que obtiven o título de doutora con mención internacional. No ámbito académico, formo parte do grupo de investigación BiFeGa dentro da liña de Bitraga (Biblioteca de Tradución Galega), así como do equipo docente do programa de doutoramento en Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo. Formo parte do consello científico de Cadernos de Fraseoloxía Galega e do comité de redacción de Viceversa. Revista Galega de Tradución. Son membro da Asociación Galega de Profesionais da Interpretación (AGPTI), en cuxa xunta directiva estiven entre 2008 e 2016 (presidenta de 2012 e 2016), da Asociación Galega de Xermanistas e de ACE Traductores (sección autónoma da Asociación Colegial de Escritores). |
Patricia Buján Otero é doutora en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Exerce profesionalmente como tradutora dende o ano 2001 (por conta propia dende 2005) e está especializada en tradución técnica e editorial coas linguas alemán, inglés e catalán para o galego e o español. A finais do ano 2016 uniuse á cooperativa de traballo asociado Catro Ventos Editora, onde, alén de compartir xestión editorial e xerencia cos catro membros restantes, é responsable de proxectos editoriais de alemán. É membro da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación dende a súa fundación, onde ocupou diferentes cargos directivos entre 2008 e 2015.
Formou parte do equipo de redacción do Dicionario fraseolóxico alemán-español Idiomatik Deutsch-Spanisch (Buske Verlag 2012) dirixido por Hans Schemann e Carmen Mellado. Entre as súas traducións publicadas, podemos salientar A teoría da relatividade de Albert Einstein (2017), A medición do mundo de Daniel Kehlmann (2006) e Novela de xadrez de Stefan Zweig (2004, con Saleta Fernández).
As súas liñas de investigación son a tradución técnica, a fraseoloxía e a crítica literaria.
É membro do comité científico da revista internacional de investigación fraseolóxica Cadernos de Fraseoloxía Galega.
A tese de doutoramento pola que obtivo o grao de doutora con mención internacional no programa doctoral T&P e que foi dirixida polas profesoras Silvia Montero Küpper (UVigo) e Carmen Mellado Blanco (USC) está dispoñible para consulta libre no repositorio investigo da Universidade de Vigo: A tradución da fraseoloxía no xénero textual: manual de instrucións na combinación lingüística alemán-español.
Máis información na súa Web Personal e Profesional
Contacto: buxan@traducion.gal