Como incorporar aprendizaxe cooperativa ao plan de actividades

Aínda que nunca formalicei a estrutura das miñas clases nin tiven como obxectivo introducir actividades de traballo cooperativo, o certo é que en varios cursos de adaptación ó EEES ós que asistín descubrín que veño empregando dende fai tempo estratexias semellantes ás que alí se nos recomendan.

Na profesión de tradutor, saber traballar en grupo é fundamental. Por iso entre os obxectivos e competencias de varias das materias do noso Grao (antes Licenciatura) figura esta competencia interpersoal. Ós alumnos habitualmente resúltalles difícil traballar en grupo e mesmo manifestan a súa oposición por consideralo pouco práctico, pero en clase demostrámoslles que será unha forma habitual de desempeñar o seu traballo no futuro profesional e que contribuirá a mellorar o rendemento de todos.

No plano de actividades da materia do Grao Tradución idioma I incluín distintas actividades que pretenden, entre outras cousas, fomentar o traballo en grupo e o desenvolvemento dunha competencia interpersoal que poderiamos denominar “relación crítica cos colegas de profesión”. Trátase fundamentalmente de que os alumnos se afagan a ver as críticas dos seus compañeiros de grupo e do resto da clase como algo positivo e non como un ataque persoal. Para moitos dos alumnos, esta diferenza non é evidente, pois o sistema de ensino e a sociedade en xeral ensínanlles a ser moi invidualistas.

O feito de que moitas das clases partan de reunións do grupo base, que necesiten reunirse fóra de clase para elaborar traballos ou poñer en común coñecementos aprendidos, etc. creo que afianzará ese compromiso co grupo e o traballo cooperativo. E tamén o traballo en grupo “asíncrono”, por medio de foros, GoogleDocs, wikis, etc.

Outra forma de afacerse a ter en conta as opinións dos demais é realizar exercicios de avaliación ou corrección de traducións en público: os alumnos, por quendas, len en voz alta as súas traducións e o conxunto da clase achega as súas opinións e correccións; nestes casos, como profesor, procuro intervir o menos posible e sobre todo como guía, para que o debate non se desvíe demasiado.

De entre as actividades que se recomendan para fomentar o traballo cooperativo, ha algunhas que me parecen moi interesantes. Intercambiar apuntes ou traducións: fíxeno algunha vez e aínda que resultou un pouco caótico na organización, o resultado foi sempre moi interesante, pois adoitan xurdir problemas ou dúbidas nos que eu non pensara. Por outra banda, os estudantes adoitan ser máis duros ca min cando corrixen os traballos dos compañeiros. Hai outras dúas actividades moi indicadas para mellorar as explicacións: que ó final dunha clase expositiva os alumnos redacten preguntas e apunten o que consideran máis importante e o máis escuro; isto axudarame a enfocar mellor as miñas exposicións e a adiantarme ás súas dúbidas e preguntas en edicións posteriores do curso, ó tempo que servirán como refresco se solucionamos as dúbidas ó comezo da clase seguinte.

Estas actividades será doado realizalas nos temas máis teóricos, nos que eu intervirei máis con clases expositivas. Pero creo que tamén será útil, aínda que máis traballoso, aplicalas nas clases prácticas de traballo con textos.

Dáme a impresión de que un dos aspectos aos que terei que dedicarlle máis tempo é á organización destas actividades e a súa integración coherente dentro do temario para que os alumnos non perdan de vista o tema como entidade unitaria. Se cadra é falta de costume pola miña banda, pero ás veces teño a impresión de que entre o cambio de paradigmas docentes, de horas de clase, de temarios, etc. e a introdución dun importante número de actividades novas, podemos perder a perspectiva de onde estamos en cada momento. Ás veces sinto un pouco de vertixe por ter que planificar as clases case que minuto a minuto. Aínda que pareza paradoxal, paréceme que antes o tiña todo máis controlado.

Clase expositiva con traballo colaborativo informal

Velaquí a organización concreta dunha sesión de clase na que introducimos metodoloxías informais que fomenten o traballo colaborativo.

Tema 2. A tradución en Galicia. O tradutor no seu contexto. Ética e responsabilidade do tradutor

Este tema ocupa tres clases de 90 minutos. A continuación exporei a organización da primeira delas:

5’ Introdución:
– obxectivos do tema
– índice do tema
– bibliografía obrigatoria
2 transparencias
20’ 2.1. Lingua, literatura e tradución
– a tradución, presente en todas as culturas e todas as épocas
– Idade Media: cultura bilingüe en Europa
– loita polo poder entre monarquías e igrexa
– tradución como imitatio
– nacemento dos estados europeos e as súas linguas e literaturas
– concepto de posesión de literatura: indispensabilia
– tradución como instrumento político
– Renacemento: Martin Lutero: Sendbrief von Dolmetschen
– tradución, normalización e normativización
9 transparencias
10’ Os alumnos preparan unha pregunta en grupo sobre o bloque precedente
20’ 2.2. Notas sobre a historia da tradución en Galicia
2.2.1. Idade Media
– Historiografía
– Materia de Troia
– Materia de Bretaña
– Ciclo Carolinxio
– Textos haxiográficos
– Outros textos
– Os Andrade. Reacción ante Castela
8 transparencias
10’ Os alumnos intercambian apúntes e corrixen e comentan só os apuntes do bloque precedente
20’ 2.2. Notas sobre a historia da tradución en Galicia (cont.)
2.2.1. Séculos Escuros
2.2.1. Rexurdimento
– descubrimento da lírica popular e cultivo de poesía lírica
– tradución dos clásicos gregos e latinos
– finais do XIX, tradución de obras máis recentes
– papel da xerarquía eclesiástica e os seminarios
– tradución de textos relixiosos
Pater Noster (1787); Parábolas (1857)
– traducións en Nós e A Nosa Terra: manifestos políticos, poesía
– fito: Ulysses de Joyce en tradución de Otero Pedrayo (1926)
– tradución instrumental para recuperar a lingua
– tradución como ferramenta política
14 transparencias
5’ Cada alumno anota nun papel o máis importante e o que menos claro lle quedou de toda a clase

Deixa unha resposta


9 × cinco =


dous × 7 =

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.