Imaxes e prexuízos

A historia da tradución, que en certa forma se pode ver como unha parte da historia das linguas como vehículos da cultura, confírmanos que a lingua, nas súas diversas manifestacións, foi sempre un instrumento para crear e exercer o poder. Os latinos crearon unha parte do seu poder traducindo a ciencia dos gregos e despois exerceron ese poder sobre os pobos conquistados non só impoñendo o latín como lingua do imperio, senón identificando (discriminando) a quen non o falaba como bárbaro (palabra que, por certo, é un grecismo). Na Idade Media, os embrionarios estados europeos modernos marcaban diferenzas e fronteiras cos seus veciños por medio da lingua, entre outros elementos. E imitando a estratexia do Imperio Romano, traduciron os coñecementos da antigüidade para demostrar que as súas eran linguas de cultura, mellores cás dos veciños, linguas potentes de estados poderosos. En definitiva, a lingua, o noso uso da lingua, e a tradución serven para marcar (impoñer) as nosas fronteiras e diferenzas, para crear a nosa identidade, tanto a nivel colectivo como individual; pero serve tamén para intervir na identidade ou imaxe pública dos outros, ou polo menos a identidade ou na imaxe dos outros que desexamos difundir.

Na actualidade, tódolos vehículos comunicativos continúan a cumprir esta mesma función, multiplicada hoxe en día nunha diversidade de medios de comunicación e nunha variedade de formatos. Referímonos non só ós tradicionais medios impresos e audiovisuais, senón tamén a internet e ás comunicacións dixitais en tódalas súas manifestacións: redes sociais, blogs, wikis, marcadores sociais, etc. Todos eles reflíctennos a nós mesmos (ou cando menos a imaxe que de nós mesmos queremos dar), pero tamén a imaxe que dos outros imos construíndo e proxectando. Non en van a imaxe é cada vez mais importante e máis omnipresente en todos estes medios. Facebook, por exemplo, é basicamente imaxe, como o seu propio nome indica: a cara (a imaxe desexada, proxectada, construída) das persoas coas que nos relacionamos. Twitter, que se nos presentaba orixinalmente como un microblog de só 140 caracteres de texto, serve para amosármonos ó mundo cunha imaxe (avatar) da nosa elección; pero Twitter ademais precisou argallar algún xeito de engadir imaxes ó texto para poder seguir medrando en popularidade, e así naceron, por exemplo, twitpic.com, yfrog.com, twitvid.com, instagr.am e outros servidores de imaxes; e dende agosto de 2011 twitter ten o seu propio servizo para compartir imaxes incorporado no perfil de cada usuario.

Da imaxe que dos outros proxectamos nas nosas interaccións cotiás ímonos ocupar nesta entrada porque, en realidade, esa imaxe defínenos tamén a nós mesmos; mellor incluso que a imaxe que de nós queremos crear consciente e voluntariamente.

 

Por segundo verán consecutivo a empresa Fontecelta desenvolve a campaña Se eu bebo ela bebe, que o profesor José Yuste Frías xa analizou no seu blog On y sème à tout vent (na entrada Simbología de la raya V: la raya salvavidas) a propósito do uso que se fai das raias que separan as dúas imaxes que compoñen os anuncios. O profesor Yuste identifícaas como raias salvavidas, xa que serven como chamadas de atención ante a situación desesperada dos máis desfavorecidos do Senegal. Estas mesmas raias serven, como tamén se apunta nese blog como “una especie de columna/barrera fronteriza que separa dos mundos diferentes paratraducidos con imaginarios quizás excesivamente estereotipados”.

Eses imaxinarios estereotipados son os que, consciente ou inconscientemente, emprega a campaña publicitaria para construír a imaxe que se proxecta do outro: os nenos senegaleses que motivan a campaña en particular e a África negra en xeral. Reparemos nas imaxes que se empregan na campaña publicitaria e no discurso que nos transmiten. No plano máis superficial temos, nuns casos, un neno ou nena brancos e un neno ou nena negros que beben auga simultaneamente; noutros casos, unha nena branca dalle (bótalle, en realidade) de beber a unha nena negra. Como representación do obxectivo da campaña se cadra non é unha mala elección, pero reparemos na escenificación e no atrezo;e uso moi conscientemente estas dúas palabras, pois tódolos elementos semellan estar coidadosamente seleccionados para representar dous roles enfrontados.

Se observamos con detención o conxunto de anuncios da campaña veremos que nas dúas zonas en que todos eles están divididos temos as versións rica (á esquerda) e pobre (á dereita) da mesma escena. De feito, o fondo gris difuminado é o único idéntico nas dúas situacións. Á esquerda ou enriba temos un neno branco co torso espido ou unha nena branca vestida de branco inmaculado que beben auga dunha botella de Fontecelta; á dereita ou embaixo, os nenos negros, vestidos con camisetas rotas e luxadas, beben auga suxa dunha botella rota. No primeiro caso, as botellas están cheas; no segundo, conteñen só unha pouca auga insalubre de cor marrón. Noutros anuncios os nenos brancos beben nun chorro que sae dun moderno dispensador de auga e fano hixiénicamente, a distancia, sen tocar o bico da billa cos beizos; en fronte, os nenos negros chuchan dunha vella billa de cobre as que probablemente sexan escasas pingas do prezado líquido. O que temos son dúas representación da mesma escena, unha foto e o seu negativo, poderiamos dicir, o seu reverso exacto.

A disposición dos cativos tamén é relevante. Os brancos ocupan sempre a posición principal, dominante, de poder: ben á esquerda, ben na parte superior (por onde comeza a lectura dos textos, mesmo dos gráficos), mentres que os negros se atopan nunha posición secundaria, subalterna, dominada. O branco está sempre antes có negro, por riba del. O branco é o que vai en axuda do negro, o que lle dá de beber; ou, como dicíamos antes, o que lle bota de beber, con tódalas connotacións que ten esta diferenza.

A mensaxe do slogan que acompaña as imaxes incide nesta mesma idea de dominio do branco sobre o negro: “se eu bebo el/ela bebe”. Por inocente que poida semellar e por benintencionado que sexa o eslogan, o seu sentido último é “el/ela bebe se eu bebo”, “el/ela bebe cando eu beba”, establecendo así unha terceira barreira ou fronteira entre o branco e o negro: as raias, o atrezo e o eslogan. Poderíanse buscar outros slogans que favorecesen unha lectura e unha interpretación máis solidarias e integradoras: “para que todos bebamos”, “para bebermos xuntos”, “auga para todos”, etc. pero o certo é que o eslogan nega por terceira vez a solidariedade que se pretende transmitir coa campaña publicitaria.

Os tópicos e estereotipos sobre o branco e o negro, sobre o civilizado e o salvaxe, reprodúcense unha vez máis, e con eles as relacións de poder, xerarquía e dominación que determinan as relacións Norte-Sur, Europa-África, primeiro mundo-terceiro mundo.

A lingua reproduce, representa, crea, establece, impón relacions de poder. A lingua, en tódalas súas manifestacións, é de feito unha das ferramentas desa imposición. A lingua serve para paratraducir, para facer visibles, para difundir, os conceptos e prexuízos que sosteñen e xustifican unha relación desigual. E por suposto sempre é o elemento forte do binomio o que impón a súa representación lingüística, o seu uso das palabras, a súa linguaxe.

Cando no grupo de investigación en Tradución e Paratradución falamos de linguaxe referímonos á integración de todo tipo de códigos de significación, entre eles o visual. As imaxes, como toda linguaxe, constrúen significados de dous xeitos: por unha banda teñen o valor intrínseco da entidade representada (neste caso un neno ou nena branco ou negro, unha botella de auga…), e por outra banda  o valor do xeito no que se crea esa imaxe e do xeito en que se combina con outras. No caso que nos ocupa, a decisión de vestir con roupa suxa e luída os nenos negros  ten unhas connotacións específicas; e, por outro lado, a forma de combinar as imaxes dos nenos coas imaxes dos nenos brancos ten outros valores engadidos. Dito doutro xeito, a construción de imaxes, de significantes gráficos, é signiticativa (é significante) en si mesma.

Unha lectura detida e fonda da campaña de Fontecelta pon de relevo que no discurso Norte-Sur o Norte quere manter o control da negociación promovendo ou impoñendo as súas propias construcións sociais, as relacións de poder que lle interesan. Controlando a mensaxe contrólase a audiencia, reafírmase o status quo e domínase a situación. Perpetuando o clixé perpetúase a xerarquía.

A paratraducción ofrécenos unha perspectiva privilexiada para detectar e estudar estas situacións posto que se ocupa das fronteiras entre linguaxes, entre culturas, dos bordos dos discursos, e pon en contexto as imaxes do Outro (da alteridade) que creamos e proxectamos. Estas imaxes que empregamos para representar o Outro e a nosa relación co Outro non son máis que unha paratradución dos nosos propios prexuízos con respecto ó Outro. É ese o punto no que a Paratradución se atopa coa Antropoloxía.

2 Responses to “Imaxes e prexuízos”

  1. Pingback: Identidad colectiva, identidad individual : El Blog de María Ángeles Romasanta

  2. Pingback: Ciberracismo | Blog de Alberto A. Lugris

Deixa unha resposta


× sete = 7


seis − 2 =

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.