KokoRico: a pluma do galo

O meu querido lector de inglés de segundo de carreira, Mitch Monsein, de Pittsburg, sentenciou no primeiro día de clase que o galo, un animal tan macho (such a macho animal!) non podía facer quiririquí, que non era unha onomatopea axeitada para o xefe do curral, con tal proliferación da vogal “i”: that doesn’t sound like a real macho, i, i, i, iii. Un galo de verdade e señor das súas galiñas, dixo, ten que berrar cok-a-doodle-do, coma os galos ingleses, ou cando menos cocorico, coma os franceses.

É certo que o galo, como macho principal que domina sobre o resto do grupo, simboliza en moitas culturas a dominación e o poder, de cote asociados ó home. Galo chámaselle ó que manda ou pretende mandar sobre os seus iguais e a fraseoloxía das linguas adoita lembrarlle o seu papel (onde hai galo non manda/canta galiña, où il y a un coq, ce n’est pas la poule qui chante), os perigos de que non o cumpra (triste é a casa onde a galiña canta e o galo cala; it is a sad house where the hen crows louder than the cock; poule qui chante et coq qui pond, c’est le diable à la maison; cando a galiña pica ó galo, malo, malo, malo!) e mesmo advirte ós homes pouco afoutos (o que non sirva para galo que non aprenda a cantar).

Cock of the walk, cock in the henhouse, to be/behave like a cock; Hahn im Korb, stolz wie ein Hahn; coq de village, coq gaulois, faire le coq, la poule ne doit pas chanter avant le coq être fier, orgueilleux comme un coq. Velaí outros casos que a fraseoloxía nos brinda para facerlle ver ó profesor Bosque que, aínda que a lingua en por si non sexa machista, si é un reflexo da sociedade machista e patriarcal que a fala. E non só porque non visibilice a muller, senón sobre todo porque ignora activa e conscientemente, agacha e quere facer calar outras formas alternativas de concibir o xénero e o sexo.

O deseñador Jean Paul Gaultier, que sempre se ten caracterizado polos xogos coa indefinición de xénero nas súas creacións, sexan tanto de roupa como de complementos ou perfumes, elixe precisamente a figura do galo, o símbolo da dominación e do poder do macho, para subvertilo na campaña do seu perfume KokoRico, cubríndoo das plumas reais e metafóricas da ambigüidade. O galo flamenco e de abondoso pelo en peito protagonista do spot publicitario e peritexto icónico da marca resulta canibalizado, subvertido e transvertido (paratraducido!) nun galo cuberto de plumas, que as exhibe e mesmo as perde cando baila non para engaiolar as femias (como o galo-flamenco macho), senón seguindo o ritmo que estas lle marcan (poule qui chante et coq qui pond, c’est le diable à la maison). A ambigüidade deixa de ser así unha forma de ocultarse para tentar aparentar o que non se é, ese rol imposto pola sociedade, e pasa a ser unha forma de apropiación das categorías patriarcais tradicionais: fronte ó binarismo excluínte home-muller, este galo opta por ser non-home e non-muller; non-galiña e non-galo; non para ser menos, senón para ser algo máis e diferente. Como sinala Juan Jiménez Salcedo, a vitoria sobre o machismo non consiste en poñer a muller ó lado ou en fronte do home, para perpetuar así os valores patriarcais occidentais, senón en superar esa dicotomía androcentrista introducindo novas opcións: tódalas facetas de xénero da realidade.

A ambigüidade confórmase nun elemento estrutural da campaña publicitaria, dende os xogos de claroscuros e contraluces que dificultan a identificación do protagonista do anuncio, ata o propio envase do perfume, que é a un tempo un tronco-torso andróxino espido (como tantos outros  de Jean Paul Gaultier) e un perfil masculino ben definido e cun nariz ben galo.

Continuando co xogo do sentido das paratraducións da imaxe do perfume noutros espazos publicitarios, do mesmo xeito que o envase remite ós torsos nus doutros frascos de colonias masculinas e femininas de Gaultier, tamén o modelo protagonista da campaña publicitaria, Jon Kortajarena, adoita proxectar sempre unha imaxe ambigua sobre a sexualidade dos personaxes que interpreta, xa sexa en anuncios ou en videoclips musicais, como o protagonizado recentemente coa tamén caleidoscópica e ambigua Madonna para o videoclip de Girl Gone Wild, no que é a un tempo boy toy da cantante e xoguete sexual doutros personaxes masculinos. Os diferentes aspectos paratextuais e paratradutivos da campaña publicitaria deste perfume están analizados con todo detalle no artigo “El gallo con pluma: KokoRico” do blog de José Yuste.

E para pechar, un refrán máis. O perfume KokoRico de Gaultier e a súa película (pois así se lle chama na campaña publicitaria ó anuncio, que mesmo ten unmaking of) canibaliza, subvirte e desconstrúe un refrán galego (sen equivalencia que saibamos noutras linguas) no que a dominación sexual do macho sobre a femia é máis ca evidente pero que ó mesmo tempo non deixa de ter un aquel de buscada ambigüidade: cando ten máis plumas a galiña é cando ten o galo enriba.

 

 

2 respostas a “KokoRico: a pluma do galo”

  1. Non podo comezar senón aplaudindo cada palabra deste novo artigo no teu blog. Con todos os dedos e palmeando cual galiña que corre contenta por un corral no que a pluma dá igual de onde caia.
    Tanto a binariedade, dualidade, posturas confrontadas e as dominancias quedan perfectamente expresadas e patentes neste artigo no que se desmonta o mito co mesmo mito, sobre todo tendo en conta que toda a xente imos acabar con plumas de tanto pavo que nos recomendan comer. Por certo, non coñecía o refrán galego que mencionas, pero non sei se querería lembralo. Noraboa. Excelente.

  2. Grazas, María Ángeles!
    O que máis me gusta desta campaña e me animou a facer o artigo é que, como dis, emprega o mito para desmontar o mito. É un magnífico exemplo de canibalización en paratradución e de publicidade feita con planificación, obxectivos e criterio estético, que non adoitan estar presentes nos anuncios…

Deixa unha resposta


× seis = 30


5 + = catorce

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.

Error. Page cannot be displayed. Please contact your service provider for more details. (17)

Error. Page cannot be displayed. Please contact your service provider for more details. (25)

Error. Page cannot be displayed. Please contact your service provider for more details. (25)