KokoRico: a pluma do galo

O meu querido lector de inglés de segundo de carreira, Mitch Monsein, de Pittsburg, sentenciou no primeiro día de clase que o galo, un animal tan macho (such a macho animal!) non podía facer quiririquí, que non era unha onomatopea axeitada para o xefe do curral, con tal proliferación da vogal “i”: that doesn’t sound like a real macho, i, i, i, iii. Un galo de verdade e señor das súas galiñas, dixo, ten que berrar cok-a-doodle-do, coma os galos ingleses, ou cando menos cocorico, coma os franceses.

É certo que o galo, como macho principal que domina sobre o resto do grupo, simboliza en moitas culturas a dominación e o poder, de cote asociados ó home. Galo chámaselle ó que manda ou pretende mandar sobre os seus iguais e a fraseoloxía das linguas adoita lembrarlle o seu papel (onde hai galo non manda/canta galiña, où il y a un coq, ce n’est pas la poule qui chante), os perigos de que non o cumpra (triste é a casa onde a galiña canta e o galo cala; it is a sad house where the hen crows louder than the cock; poule qui chante et coq qui pond, c’est le diable à la maison; cando a galiña pica ó galo, malo, malo, malo!) e mesmo advirte ós homes pouco afoutos (o que non sirva para galo que non aprenda a cantar).

Cock of the walk, cock in the henhouse, to be/behave like a cock; Hahn im Korb, stolz wie ein Hahn; coq de village, coq gaulois, faire le coq, la poule ne doit pas chanter avant le coq être fier, orgueilleux comme un coq. Velaí outros casos que a fraseoloxía nos brinda para facerlle ver ó profesor Bosque que, aínda que a lingua en por si non sexa machista, si é un reflexo da sociedade machista e patriarcal que a fala. E non só porque non visibilice a muller, senón sobre todo porque ignora activa e conscientemente, agacha e quere facer calar outras formas alternativas de concibir o xénero e o sexo.

O deseñador Jean Paul Gaultier, que sempre se ten caracterizado polos xogos coa indefinición de xénero nas súas creacións, sexan tanto de roupa como de complementos ou perfumes, elixe precisamente a figura do galo, o símbolo da dominación e do poder do macho, para subvertilo na campaña do seu perfume KokoRico, cubríndoo das plumas reais e metafóricas da ambigüidade. O galo flamenco e de abondoso pelo en peito protagonista do spot publicitario e peritexto icónico da marca resulta canibalizado, subvertido e transvertido (paratraducido!) nun galo cuberto de plumas, que as exhibe e mesmo as perde cando baila non para engaiolar as femias (como o galo-flamenco macho), senón seguindo o ritmo que estas lle marcan (poule qui chante et coq qui pond, c’est le diable à la maison). A ambigüidade deixa de ser así unha forma de ocultarse para tentar aparentar o que non se é, ese rol imposto pola sociedade, e pasa a ser unha forma de apropiación das categorías patriarcais tradicionais: fronte ó binarismo excluínte home-muller, este galo opta por ser non-home e non-muller; non-galiña e non-galo; non para ser menos, senón para ser algo máis e diferente. Como sinala Juan Jiménez Salcedo, a vitoria sobre o machismo non consiste en poñer a muller ó lado ou en fronte do home, para perpetuar así os valores patriarcais occidentais, senón en superar esa dicotomía androcentrista introducindo novas opcións: tódalas facetas de xénero da realidade.

A ambigüidade confórmase nun elemento estrutural da campaña publicitaria, dende os xogos de claroscuros e contraluces que dificultan a identificación do protagonista do anuncio, ata o propio envase do perfume, que é a un tempo un tronco-torso andróxino espido (como tantos outros  de Jean Paul Gaultier) e un perfil masculino ben definido e cun nariz ben galo.

Continuando co xogo do sentido das paratraducións da imaxe do perfume noutros espazos publicitarios, do mesmo xeito que o envase remite ós torsos nus doutros frascos de colonias masculinas e femininas de Gaultier, tamén o modelo protagonista da campaña publicitaria, Jon Kortajarena, adoita proxectar sempre unha imaxe ambigua sobre a sexualidade dos personaxes que interpreta, xa sexa en anuncios ou en videoclips musicais, como o protagonizado recentemente coa tamén caleidoscópica e ambigua Madonna para o videoclip de Girl Gone Wild, no que é a un tempo boy toy da cantante e xoguete sexual doutros personaxes masculinos. Os diferentes aspectos paratextuais e paratradutivos da campaña publicitaria deste perfume están analizados con todo detalle no artigo “El gallo con pluma: KokoRico” do blog de José Yuste.

E para pechar, un refrán máis. O perfume KokoRico de Gaultier e a súa película (pois así se lle chama na campaña publicitaria ó anuncio, que mesmo ten unmaking of) canibaliza, subvirte e desconstrúe un refrán galego (sen equivalencia que saibamos noutras linguas) no que a dominación sexual do macho sobre a femia é máis ca evidente pero que ó mesmo tempo non deixa de ter un aquel de buscada ambigüidade: cando ten máis plumas a galiña é cando ten o galo enriba.

 

 

2 Responses to “KokoRico: a pluma do galo”

Deixa una resposta a alugris


+ 4 = trece


− seis = 3

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.