Reescribi-la historia

Uns exemplos máis de paratradución da historia. Velaquí uns casos dos nosos días  de como os poderosos tentan reescribir a historia para que só se coñeza a súa versión, a que a eles beneficia. É o deber de todos poñer de manifesto as súas mentiras.

O alcalde popular de Sevilla cámbialle o nome á rúa Pilar Bardem (antes General Merry) polo de Nuestra Señora de las Mercedes. Se cadra pode parecer un cambio de nome máis, pero se o nome anterior ó de Pilar Bardem era o dun militar (ben da Guerra de Cuba, ben da Guerra Civil), o novo nome aprobado pola alcaldía popular é o dunha orde relixiosa que se gaba, na súa presentación na propia páxina web, de levar “en parte el nombre de Genoveva, esposa de Gonzalo Queipo de Llano (político, orador e historiador español de mediados del siglo XIX), nombre por el cual también es conocida la Hermandad del barrio, Santa Genoveva“. Ten algo que ver Genoveca Queipo de LLano con Santa Xenoveva? A que vén entón a referencia? Ese “político, orador e historiador”, como o denominan nesta nova tentativa de reescribir a historia, foi en realidade un xeneral golpista no golpe de estado de 1936 e cabeza da represión en Sevilla nos meses seguintes, que lle custou a vida a máis de 3.000 persoas.

– O presidente das Novas Xeracións do PP de Galicia, Javier Dorado, tenta apropiarse para o partido da figura de Castelao, nada máis nin nada menos. Segundo Dorado, se Castelao é a figura máis importante da primeira parte do século XX en Galicia, Fraga éo na segunda parte. Compáraos por traballar “desinteresadamente y con vocación pública, como hicieron Castelao y como hizo también el recientemente fallecido, don Manuel Fraga, siempre serán un ejemplo a seguir para Nuevas Generaciones”. Esquece Dorado que Castelao loitou contra a dereita da que é herdeira o Partido Popular. Que por culpa desa dereita que agora se atreve a reclamalo como propio sufriu exilio antes e despois do Golpe de Estado do 1936 e da Guerra Civil.

Os exemplos multiplícanse a cada paso, cada día. Un dos principais desafíos da sociedade dixital (da sociedade en xeral) é aprendermos a ser críticos co alubión de información que recibimos cada día. Non deixemos que nos conten a Historia, descubrámola nós.

 

2 Responses to “Reescribi-la historia”

  1. O que pasa aquí é o que pasa sempre. Parece que a Historia é unha, e cada un pensa que a súa “historia” é a verdadeira, pero non é asi. Ben dito, “non deixemos que nola conten, descubrámola”, pero sendo máis rigorosos e analizando antes de falar por falar.
    Moi interesante 🙂

Deixa unha resposta


+ 2 = sete


9 − = oito

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.