A calidade na era dixital

A noticia de que Google decidiu retirar do uso público as súas ferramentas de tradución (aínda que non o servizo que ofrece a través de Google Translate) por mor da perniciosa retroalimentación que ese servizo se proporcionaba a si mesmo, coincide coa presentación no seo do Mestrado en Tradución e Paratradución dun interesante Traballo de fin de mestrado sobre “O papel das ferramentas de idiomas no desenvolvimento de confiança no processo individual tradutivo”. A autora do traballo argumenta moi atinadamente que a proliferación de servizos de tradución gratuítos como o de Google, Bing, Babel Fish ou outros inflúe na tolerancia con respecto á calidade das traducións. Os usuarios son conscientes de que os devanditos servizos teñen as súas limitacións, mais empréganos porque son gratuítos e, no fondo, serven de axuda para entender por riba textos en linguas que non coñecen.

Ata que punto isto determinará a tolerancia de erros noutro tipo de traducións, ou en que grao influirán no desenvolvemento da norma das linguas, son cuestións que quedan para futuras investigacións, pero o certo é que a cultura imperante da inmediatez, da présa, do canto máis e máis rápido mellor está a influír negativamente na nosa percepción do mundo, non só a través da rede. Importa menos a calidade que a cantidade ou a rapidez.

O irónico é que un dos principais motores desta vertixe de información, Google, está a sufrir as consecuencias das súas propias accións. Está a morrer de éxito, poderíase dicir. Ademais dos motivos económicos derivados da explotación comercial do sistema de tradución que facían particulares e empresas (un nicho de mercado que loxicamente Google non quere desaproveitar), están tamén os motivos prácticos, do funcionamento do motor de tradución. O sistema de tradución de Google aliméntase de memorias de tradución da rede, é dicir, de traducións (xunto cos seus orixinais) que atopa en internet; poderiamos dicir que son memorias de tradución distribuídas. Mentres a calidade da maioría das traducións atopadas era boa, o sistema aprendía ben e rendía. Pero a medida que comezou a atopar, cada vez con máis frecuencia, traducións menos que aceptables froito do seu propio motor de tradución e doutros semellantes, o sistema comezou a recibir peor feedback, a aprender peor, co cal a calidade do produto comezou a caer en picado.

Situacións semellantes, aínda que a menor escala, repítense a miúdo no mundo dixital, o que nos debería facer reflexionar sobre a calidade da información que recibimos, a cantidade de información que pretendemos abranguer cada día e, sobre todo, a súa procedencia. Nun mundo que busca e premia a velocidade, non adoita haber tempo para a reflexión, para a revisión nin para a corrección.

 

Deixa unha resposta


× dous = 16


− oito = 1

Creative Commons License
Os textos e materiais publicados nesta bitácora están regulados, salvo que se indique o contrario, por unha licenza de Recoñecemento - Non Comercial - Sen Obra Derivada .3.0 de Creative Commons.